Cidades

Esta mañá, durante o longo traxecto que percorrín para chegar á casa, contei ata cinco persoas falando soas pola rúa, sen máis interlocutor que os seus propios pensamentos privados fluíndo en voz alta, sen pudor ningún. Desafortunadamente, creo que adoita ser bastante habitual que suceda iso nas grandes cidades, onde seica sufrimos todos unha enorme incomunicación motivada polo exceso de desconfianza que nos demostramos uns cos outros. Non queremos que nos fagan dano e por iso só nos facémos dano a nós mesmos, no canto de compartir torturas psicolóxicas en forma de amante formal ou parella ruín, que hai de todo e para escoller se un desexa variedade e múltiples formas de risco.

(…)

Pouco máis tarde, premín o botón para solicitara parada do autobús e decateime de que, durante o traxecto no que reparara naquelas cinco persoas establecendo conversas imaxinarias, ninguén dixera nin unha soa palabra no interior do vehículo. Nin unha soa, e iso que ía ateigado dunha variada freiguesía de viaxeiros de todas as idades. Cadaquén viaxaba totalmente concentrado nos seus pensamentos, dirimindo entrequencias propias. Só se escoitaba a xorda carraspeira do motor e o timbre apercibindo ao buseiro para deter o vehículo nas paradas solicitadas. Ninguén abría a boca para pronunciarse, só formigueaban nas súas batimboras interiores con cara de ciruxáns insatisfeitos.

Diego Ameixeiras, Tres segundos de memoria.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.