Silencios incómodos

Denomínanse «silencios incómodos» a eses momentos de impasse nos que, tentando divertirse en grupo, ninguén fala porque non ten nada que dicir relacionado coas outras persoas. Se escasea a confianza entre os actantes reunidos, cualquera silencio que se prolongue máis alá de tres segundos incorpóranos inmediatamente a un estadio de incomodidade que, as cousas como son, debe paliarse soltando algunha prosmada, un estúpido recurso que inexplicablemente goza de moita mellor prensa que estar calado con valor e intelixencia, sopesando a calidade dalgún enxeño futuro que dedicarlle aos interlocutores.

Diego Ameixeiras, Tres segundos de memoria.

Cidades

Esta mañá, durante o longo traxecto que percorrín para chegar á casa, contei ata cinco persoas falando soas pola rúa, sen máis interlocutor que os seus propios pensamentos privados fluíndo en voz alta, sen pudor ningún. Desafortunadamente, creo que adoita ser bastante habitual que suceda iso nas grandes cidades, onde seica sufrimos todos unha enorme incomunicación motivada polo exceso de desconfianza que nos demostramos uns cos outros. Non queremos que nos fagan dano e por iso só nos facémos dano a nós mesmos, no canto de compartir torturas psicolóxicas en forma de amante formal ou parella ruín, que hai de todo e para escoller se un desexa variedade e múltiples formas de risco.

(…)

Pouco máis tarde, premín o botón para solicitara parada do autobús e decateime de que, durante o traxecto no que reparara naquelas cinco persoas establecendo conversas imaxinarias, ninguén dixera nin unha soa palabra no interior do vehículo. Nin unha soa, e iso que ía ateigado dunha variada freiguesía de viaxeiros de todas as idades. Cadaquén viaxaba totalmente concentrado nos seus pensamentos, dirimindo entrequencias propias. Só se escoitaba a xorda carraspeira do motor e o timbre apercibindo ao buseiro para deter o vehículo nas paradas solicitadas. Ninguén abría a boca para pronunciarse, só formigueaban nas súas batimboras interiores con cara de ciruxáns insatisfeitos.

Diego Ameixeiras, Tres segundos de memoria.